Sobre as críticas de Rodrigo Varela (de Galinus) en Chuza
Quixera comezar as miñas reflexión nesta nova sección de Res Retica que vou adicar ao meu labor para Fillos de Galicia, comentando a sorpresa e desagrado que me causa a actitude amosada por alguén que semella ser Rodrigo Varela Tabuyo e que baixo o alcume de roicinho ven de participar cos seus comentarios dunha forma ao meu entender lamentable, nunha nova que enviei hai uns días a Chuza encol do lanzamento da Parcelaria 2.0.
Gostaríame deixar algunhas cousas claras ao respecto destes seus comentarios:
- Que unha empresa (ou alguén que ten unha responsabilidade importante nela, como entendo que é o caso), en troques de apoiar o chamamento dunha entidade non lucrativa que traballa pola conservación e espallamento da nosa cultura, se adique a sementar dúbidas, facer críticas feroces, insultar e achegar datos erróneos, non merece outro calificativo que actitude cainita. Con accións deste tipo, Galiza e a súa cultura nunca poderá saír do burato onde a queren meter os seus inimigos.
- E digo sementar dúbidas porque parece que non quere crer os datos achegados, aínda que se abran ao público as nosas estatísticas para despexar dúbidas e diferenzas de interpretación de cifras de visitas, etc.
- E digo crítica feroz porque coido que non é forma de tratar a unha entidade non lucrativa e cultura como a nosa, un proxecto que leva máis de 10 anos ofrecendo en condicións moi difíciles e sempre coa trasparencia como valor inherente, algo que ninguén máis ofrecía. Sen apoio público nin privado. Simplemente por compromiso coa nosa xente e o noso país espallado polo mundo.
- E digo insultar porque aínda que me fai graza que me chamen vaca sagrada coido que non foi un piropo. E a comparación con Fraga semella absolutamente fóra de lugar e inmerecida desde calquera punto de vista. As críticas e preguntas maliciosas de roicinho eran de índole técnica ou política? Xa non me queda claro.
- Os datos erróneos son unha maneira moi fea de enlixar un chamamento á soidariedade. Non soamente Rodrigo non contribúe a axudar a Fillos senón que provoca o desprestixio de que o fai, sementando dúbidas sobre a súa honradez. En troques de pensar que a diferente interpretación de certas cifras estatísticas non leva a deducir mala fe algunha, e para nada inflúe no fundo da cuestión (Fillos precisa axuda económica para manter un servizo de calidade), adícase a buscar as voltas a cifras que mesmo desde un punto de vista técnico son dificilmente xustificables (desde cando un buscador de blogs como Technorati é un medidor da importancia dun portal?). E cando lle fago ver que achega datos falsos acerca dos links en Google, escurre o vulto e non xustifica as súas mentiras ou falsidades.
- Non podo por tanto deixar de lamentar que no noso país, en xente supostamente comprometida co avance tecnolóxico da Internet galega, coa cultura e co idioma, existe a capacidade, carraxe, falta de ética e inconsciencia como para tratar así a quen non soamente non debería merecer trato de inimigo, senón que gasta as súas enerxías cada día nun obxectivo non lucrativo, social e cultural.
- Xa chega de cainismos, envexas ou inmadureza profesional.
PS: Debo recoñecer que cando outro chuceiro revelou a identidade de roicinho como responsable de Galinus, levei unha grande sorpresa. Polo seu primeiro comentario, pensara eu que me atopaba cun típico adolescente que cre saber catro cousas de Internet e por algunha carraxe contra os emigrantes ou así, cargaba contra min (ou contra Fillos). Porque ese nome non me soaba de nada e non tiña consciencia de lle ter feito nada nin que puidera ter nada contra Fillos de Galicia. Así é que cando souben que se trataba de alguén de Galinus, lembrei as críticas que eu fixera -coido que construtivas- no blog desta empresa a conta de Vieiros, cuxa renovación recente mereceu tamén certos comentarios neste mesmo blog de meu. Así que invito aos lectores a que lexan estes comentarios, estoutro, e mesmo este, para que xulguen se:
- Poden ter algo que ver co ataque que recibiu Fillos por parte de Rodrigo.
- Se por moi duras que lles pareceran as miñas críticas, lle da iso dereito a criticar a Fillos de Galicia. Iso é non saber diferenciar. Eu critiquei un traballo concreto deles (penso que de forma razoada), e se ficaron doídos, podería entender que me criticasen a min, pero non á asociación Cultural Fillos de Galicia. Ademais unha cousa é criticar a usabilidade dun web e outra tentar enlixar o crédito dunha organización non lucrativa.


