Res Retica

5/4/2008

[GL]

A prol dunha estrutura de coordinación de proxectos culturais galegos na Rede

Clasificado bajo: De Reflexionibus Reti, Filli Callæchiæ — admin @ 4:28 pm

Quero deixar aquí plasmado o bosquexo dunha idea que callou na miña cabeza aí atrás, despois de varios anos de percibir que o “complexo castrexo” (cada un no seu castro, virado de costas para os veciños) que se nos bota en cara aos galegos moitas veces, tamén afectaba aos valiosos proxectos que dotan á Rede Galega de hoxe en día de tanto e tan interese contido. Non quero demorar máis a súa publicación, porque preciso liberar a miña cabeza e a morea de papeis sobre o meu escritorio para reflexionar sobre outros temas que me preocupan ultimamente. Velaquí logo a idea por se lle serve a alguén:

Trataríase de solucionar esta desconexión de proxectos mediante a creación dunha estrutura de coordinación e xestión profesional de todos aqueles proxectos que unan cultura/idioma + NTIC.

Funcións:
- Coordinación.
- Promoción da sinerxia.
- Captación de fondos.
- Xestión de recursos: entre eles, bolseiros, proxectos de I+D, etc.
- Xeración de novos proxectos.
- Contabilidade??
- Xestión e asesoramento fiscal, laboral, xurídico, etc??

Recursos precisos:

- 1 persoa a xornada completa (ou talvez abondase a 1/2 xornada).
- Salario: aprox. 1.500 euros/mes.
- 1 oficina + 1 PC.
- 1 teléfono + Internet.

Ingresos:
- Os gastos serían divididos entre os participantes.
- Sumaríaselle financiemtno público inicial e/ou periódico (Consellaría de Innovación e Industria??).

Coido que podería limitarse unicamente aos proxectos sen ánimo de lucro, pero habería que miralo ben.

Penso p.ex. en proxectos como Arredemo, Fillos de Galicia, Blogaliza, A Ciberirmandade da Fala, Chuza?? etc.

14/2/2008

[GL]

Pero que é o que teñen en Chuza contra Fillos?

Clasificado bajo: Filli Callæchiæ — admin @ 7:21 pm

Dun tempo a esta parte veño notando unha animadversión crecente en Chuza acerca de todo o que teña que ver con Fillos de Galicia e/ou coa miña persoa, cuxa mostra máis evidente serían os comentarios de su alma mater, Berto Yáñez. A última mostra foi o descarte dunha nova na que denunciaba unhas declaracións do BNG que eu consideraba insultantes para a nosa Diáspora: aínda que xa sabía que podía ser considerada infracción das normas de Chuza, pedín indulxencia e expliquei que o motivo era que non foran reproducidas en ningunha outra parte da Internet, e por iso tiña que ligar coa miña propia testemuña das declaracións publicada no lugar onde pensei que a debía publicar: Fillos.org. A gravidade desas declaracións pensaba que xustificarían rozar (?) a vulneración das normas.

A reacción dos chuceiros foi sorprendente. Comezando por Berto, que en troques de falar do tema (non será afiliado do Bloque por casualidade?), adicouse a revisar as miñas anteriores novas enviadas e nun acto de inxustiza e falta de rigor absoluto mencionou que “12 das 16 que enviou casdeiro son de proxectos propios/satélites de fillos” e facendo a continuación burla da falta de compromiso que denunciamos en repetidas ocasións, da sociedade galega. Se este é o compromiso de Berto Yáñez con Fillos de Galicia, case estamos mellor sen el. E se aínda non comprendeu a diferenza entre chuzar unha nova emitida por un web e facerse socio ou colaborar dalgunha outra maneira activa e permanente coa organización responsable dese web, igual é que aínda non entende ben como funciona este mundo (de Internet, claro).

En primeiro lugar, se eu envío novas publicadas nos webs de Fillos, será porque non hai outro chuceiro que se digne a facelo, outra mostra máis que hai unha Galiza que vira as costas á Diáspora e que non se preocupa polo que dicimos ou o que facemos, a non ser para criticarnos ou insultarnos (v.g. cancro). Grazas a Deus hai outra Galiza que si se interesa… e por iso esas novas foron enviadas pola comunidade a portada. Ademais nego que sexan autobombo xa que doutro xeito terían sido descartadas polos propios usuarios de Chuza, non é? ;-)

Por outra banda as novas só se refiren aos proxectos ou actividades de Fillos en 7 ocasións, non 12. E si, pode ser aínda así un número alto, pero insisto en que se outros usuarios chuceiros fixesen o envío non tería que facelo eu. Que non son interesantes? Ben, daquela non terían recibido tantas chuzadas, non é? Así que algo falla: Fillos emite novas que son consideradas de interese polos usuarios de Chuza pero se non as enviamos nós, non son enviadas por ninguén. Iso quere dicir que hai algo que falla, que hai un valo invisible entre certos internautas galegos e os webs da Diáspora.

Habería tamén que revisar, xa postos, a maioría de os comentarios de Berto a novas enviadas por min para ver que existe algún tipo de teima en contra do que eu envío, represento, comunico ou solicito, sexa cal sexa o tema de fondo. Os comentarios de Berto soen estar inzados de críticas, polo xeral pouco ou nada argumentadas, condescendencia, tendenciosidade ou simplemente datos falsos.

A isto engadiría que nun recente traballo sobre redes sociais galegas, no que Berto foi co-autor, a presenza de Fillos de Galicia, unha pioneira comunidade virtual (a denominación que se usaba antes da moda Web 2.0 ás redes sociais) galega, limítase a unha brevísima mención, imaxino que por compromiso entre non recoñecernos e non omitirnos, non fora que alguén considerase que o seu traballo era incompleto.

Eu non sei cando empezou todo isto pero lembro un momento que se cadra ten algo que ver: as miñas críticas sobre a renovación de Vieiros onde Berto disque participou, e onde eu era colaborador ate que me debín quedar perdido na mudanza entre versións. Se é este o motivo, e Berto me quere coller xenreira prégolle que teña un chisco máis de sentidiño e separe o que é Fillos de Galicia, onde eu son un máis, do que teña contra a miña persoa, e respecte o que fai esta organización/comunidade e se deixe destes boicotes ou censuras brandos contra as novas que teñan o pecado de conter algunha URL de Fillos.

5/2/2008

[GL]

Proposta a prol da recuperación de aldeas abandonadas por medio de Internet

Clasificado bajo: De Reflexionibus Reti, Filli Callæchiæ — admin @ 3:41 pm

Hoxe estiven vendo na TVG unha información acerca das 1.200 aldeas abandonadas (a sumar ás 700 nas que só queda un derradeiro habitante) do noso país. E deille forma a xeito de bosquexo a unha idea que xa levaba tempo no meu maxín, aínda que fose parcialmente: como aproveitar Internet para empurrar pola recuperación destes lugares. Penso que a seguinte idea non costaría moito poñela en práctica coa cooperación das entidades locais e a nivel de consellarías, e que se integraría perfectamente como un servizo público para o movemento neorruralista ou de retorno e avivecemento do noso agro.

O miolo da idea sería a creación dun portal dirixido a todas as persoas de dentro e fóra de Galiza interesadas potencialmente en trasladarse a vivir ao campo, para ofrecerlles as axudas e informacións precisas para escolleren estas aldeas actualmente en perigo de morte. O internauta podería acceder desde el a informacións xerais sobre todo tipo de axudas para rehabilitación, instalación de negocias no rural, creación de cooperativas, formación, etc. que ofrecen as distintas administracións, cunha forma de contacto directa e rápida, integrando toda esta información lexislativa e administrativa.

Por outra banda debería haber unha base de datos para localizar estas aldeas, cun sistema de xeoposicionamento nun mapa interactivo. Ao chegar a cada ficha de cada aldea, teríamos unha páxina onde poderiamos ver fotos, servizos próximos, historia, características físicas, de entorno, paisaxe, valores… e tamén acceso aos inmobles e terros á venda nesa aldea, con contacto directo cos propietarios. Tamén estaría ben dispoñer de estudos públicos sobre propostas de actividades axeitadas a cada aldea, para dar ideas aos interesados e demostrar a viabilidade económica das áreas.

Unha terceira sección estaría destinada aos propios internautas, xa instalados nesas aldeas recuperadas ou en proceso de instalación, cun foro para resolveren dúbidas, faceren consultas, intercambiaren experiencias, solicitaren axuda, etc.

Promoveríase a difusión deste web entre emigrantes con interese de retornar ou descendentes, como unha proposta atractiva para a súa instalación en Galiza. Tanto que se critica ás veces ao retornado, pero podería contribuir a salvar o noso agro, como xa teño defendido anteriormente desde Fillos de Galicia.

Esta idea podería ter un nome: aldeas-vivas.info.

Quen se anima a poñela en marcha? :-)

24/1/2008

[GL]

Adeus AdBrite… ola TradeDoubler

Clasificado bajo: META, Filli Callæchiæ — admin @ 8:29 pm

Pouco durou a miña relación con AdBrite! Como non daban aparecido contidos nos espazos que lles reservara decidín volver a fornecer a Fillos de Galicia cos ingresos procedentes destas páxinas, sumándoos aos que obtén da rede TradeDoubler (e que de momento son moi moi pequenos, apenas 20 euros en varios meses de presenza dos seus anuncios… iso si, moi pouco optimizada por falta de tempo). Así que desde hoxe veredes anuncios desta rede neste blog cuxos ingresos xerados irán para a Asociación Cultural Fillos de Galicia, entidade sen ánimo de lucro que fundei e na que traballo como xestor.

…Agora quédame optimizar (personalizar) os anuncios do SnapShots. A ver se fago un cacho para estudar as condicións e maneira de o facer.

PS: Aproveito para ubicar aquí unha mostra destes anuncios novos (hmmmmm… por algún motivo non aparece!):

Ademais é dun bo antivirus! Non coma o do maldito osiño >;-P

18/6/2007

[GL]

Sobre as críticas de Rodrigo Varela (de Galinus) en Chuza

Clasificado bajo: De Stultitia in Reti, Filli Callæchiæ — admin @ 5:31 pm

Quixera comezar as miñas reflexión nesta nova sección de Res Retica que vou adicar ao meu labor para Fillos de Galicia, comentando a sorpresa e desagrado que me causa a actitude amosada por alguén que semella ser Rodrigo Varela Tabuyo e que baixo o alcume de roicinho ven de participar cos seus comentarios dunha forma ao meu entender lamentable, nunha nova que enviei hai uns días a Chuza encol do lanzamento da Parcelaria 2.0.

Gostaríame deixar algunhas cousas claras ao respecto destes seus comentarios:

  • Que unha empresa (ou alguén que ten unha responsabilidade importante nela, como entendo que é o caso), en troques de apoiar o chamamento dunha entidade non lucrativa que traballa pola conservación e espallamento da nosa cultura, se adique a sementar dúbidas, facer críticas feroces, insultar e achegar datos erróneos, non merece outro calificativo que actitude cainita. Con accións deste tipo, Galiza e a súa cultura nunca poderá saír do burato onde a queren meter os seus inimigos.
  • E digo sementar dúbidas porque parece que non quere crer os datos achegados, aínda que se abran ao público as nosas estatísticas para despexar dúbidas e diferenzas de interpretación de cifras de visitas, etc.
  • E digo crítica feroz porque coido que non é forma de tratar a unha entidade non lucrativa e cultura como a nosa, un proxecto que leva máis de 10 anos ofrecendo en condicións moi difíciles e sempre coa trasparencia como valor inherente, algo que ninguén máis ofrecía. Sen apoio público nin privado. Simplemente por compromiso coa nosa xente e o noso país espallado polo mundo.
  • E digo insultar porque aínda que me fai graza que me chamen vaca sagrada coido que non foi un piropo. E a comparación con Fraga semella absolutamente fóra de lugar e inmerecida desde calquera punto de vista. As críticas e preguntas maliciosas de roicinho eran de índole técnica ou política? Xa non me queda claro.
  • Os datos erróneos son unha maneira moi fea de enlixar un chamamento á soidariedade. Non soamente Rodrigo non contribúe a axudar a Fillos senón que provoca o desprestixio de que o fai, sementando dúbidas sobre a súa honradez. En troques de pensar que a diferente interpretación de certas cifras estatísticas non leva a deducir mala fe algunha, e para nada inflúe no fundo da cuestión (Fillos precisa axuda económica para manter un servizo de calidade), adícase a buscar as voltas a cifras que mesmo desde un punto de vista técnico son dificilmente xustificables (desde cando un buscador de blogs como Technorati é un medidor da importancia dun portal?). E cando lle fago ver que achega datos falsos acerca dos links en Google, escurre o vulto e non xustifica as súas mentiras ou falsidades.
  • Non podo por tanto deixar de lamentar que no noso país, en xente supostamente comprometida co avance tecnolóxico da Internet galega, coa cultura e co idioma, existe a capacidade, carraxe, falta de ética e inconsciencia como para tratar así a quen non soamente non debería merecer trato de inimigo, senón que gasta as súas enerxías cada día nun obxectivo non lucrativo, social e cultural.
  • Xa chega de cainismos, envexas ou inmadureza profesional.

PS: Debo recoñecer que cando outro chuceiro revelou a identidade de roicinho como responsable de Galinus, levei unha grande sorpresa. Polo seu primeiro comentario, pensara eu que me atopaba cun típico adolescente que cre saber catro cousas de Internet e por algunha carraxe contra os emigrantes ou así, cargaba contra min (ou contra Fillos). Porque ese nome non me soaba de nada e non tiña consciencia de lle ter feito nada nin que puidera ter nada contra Fillos de Galicia. Así é que cando souben que se trataba de alguén de Galinus, lembrei as críticas que eu fixera -coido que construtivas- no blog desta empresa a conta de Vieiros, cuxa renovación recente mereceu tamén certos comentarios neste mesmo blog de meu. Así que invito aos lectores a que lexan estes comentarios, estoutro, e mesmo este, para que xulguen se:

  • Poden ter algo que ver co ataque que recibiu Fillos por parte de Rodrigo.
  • Se por moi duras que lles pareceran as miñas críticas, lle da iso dereito a criticar a Fillos de Galicia. Iso é non saber diferenciar. Eu critiquei un traballo concreto deles (penso que de forma razoada), e se ficaron doídos, podería entender que me criticasen a min, pero non á asociación Cultural Fillos de Galicia. Ademais unha cousa é criticar a usabilidade dun web e outra tentar enlixar o crédito dunha organización non lucrativa.
[GL]

Nova Sección en Res Retica: Filli Callæchiæ

Clasificado bajo: META, Filli Callæchiæ — admin @ 4:59 pm

Dado que dunha ou doutra forma, moitas veces saco aquí temas relacionados con Fillos de Galicia, asociación sen ánimo de lucro para a que traballo, e dado que me parece interese ampliar as miñas reflexións acerca deste proxecto neste lugar, onde non falo como representante de Fillos, senón unicamente no meu nome, como profesional de Internet, dando a miña visión crítica de moitos aspectos da Rede, hoxe decidín crear unha nova sección chamada (para seguir cos latinismos) Filli Callæchiæ, na que xa de entrada incluín todas aquelas entradas antigas do blog que tocaban o tema.

10/6/2007

[GL]

Política lingüística: En que meter un millón de euros?

Clasificado bajo: De Reflexionibus Reti, De Reti Publica, Filli Callæchiæ — admin @ 6:47 pm

Logo de Galego e Logo (valla a redundancia)Levo xa varias semanas querendo pararme a falar disto en Res Rética pero non dei sacado tempo ate o de agora. Quero comentar aínda que só sexa por riba o que a min me parece unha forma pouco eficiente de gastar as partidas orzamentais que ten a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta. Vexo que gastan un millón de euros nunha campaña como Galego E Logo! (para que despois a empresa encargada -Grupo BAP&Conde, SA- se adique a promocionar o web de balde facendo abuso dos foros gratuitos como foi o caso en Fillos de Galicia, pero ese é outro cantar…) que é unha campaña que non sei o efecto tería na sociedade galega nin cantos rapaces se animarían a falar máis galego grazas a ela…

E non podo deixar de preguntarme, tendo en mente o mesmo que tiña cando apoiaba unha campaña a prol da música galega copyleft, e aquel comentario que me fixera Xurxo Souto hai xa uns anos, acerca de que facer música achegada á xente nova en galego facía moito máis polo idioma que todas as campañas institucionais.

E digo eu, como proposta derivada da reflexión anterior… por que non meter ese millón de euros en financiar a composición e publicación de música galega baixo licencia copyleft? A repercusión podería ser moitísimo maior que con campañas de tan dubidosa calidade e eficacia como a de Galego E Logo, tendo en conta que a música é un vehículo ideal para chegar á xente nova, que é coa que temos o problema máis grave hoxe en día no tema lingüístico (como puidemos ver hai pouco co documental Linguas Cruzadas de María Yáñez), e que eles mesmos farían de divulgadores pasándose os centos de cancións que se poderían producir con ese orzamento. E non debemos rachar as vestiduras por propoñermos financiar cultura con diñeiro público: sempre se fixo dunha ou outra forma, faise tamén noutras artes, e neste caso está máis que xustificado se o que se quere é salvar unha lingua que fai parte indivisible desa cultura.

Supoño que un grupo máis ou menos profesional (deixemos a unha banda aos máis grandes da nosa música e aos máis amateurs) podería perfectamente producirse 1 canción (algúns ate un álbume enteiro) por 2.500 euros, por poñer unha cifra. Iso quere dicir que cun millón poderiamos ter na Rede dispoñibles para baixaren todos os galegos (de todo o mundo, non o esquezamos) 400 cancións galegas copyleft.

Non terían máis efecto que a campaña millonaria Galego E Logo?

10/4/2007

[GL]

A chuza anda revolta!

Clasificado bajo: De Reflexionibus Reti, Filli Callæchiæ — admin @ 6:19 pm

Hoxe fiquei sorprendido ao ver unha nova en Chuza que me levou a unha crítica moi dura dun dos seus usuarios máis destacado (Nemigo). A verdade é que aínda non me enteirei ben de que vai a película, xa que entrei no cine cando xa empezaran os tiros, pero ten toda a pinta de que hai dúas cuestións moi interesantes a debate:

  • O funcionamento dos sistemas sociais de promoción de noticias (Chuza, Menéame, etc.).
  • O modelo de financiamento publicitario de proxectos web

Ambos os dous son temas que me tocan moi de preto. O primeiro polas posibilidades de democratización que achegan ou poden achegar estes sistemas (vid. o meu fillo DemoTicias), e o segundo porque é unha vía de financiamento que tamén usamos en Fillos de Galicia.

Seguirei dando conta aquí e acolá das miñas impresións sobre o tema, e outro ao que nos pode levar… Que hai detrás da trangallada da Web 2.0?

21/2/2007

[GL]

Gasta con xeito a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

Clasificado bajo: De Reti Publica, Filli Callæchiæ — admin @ 7:50 pm

Coñecidas son as miñas repetidas críticas ás accións da actual Secretaría Xeral de Emigración na Rede, dirixida por Manuel Luis Rodríguez (PSOE) e que son continuación e ampliación das efetuadas no pasado pola Consellaría de Emigración do PP. Estas críticas pretenden salientar fundamentalmente dous puntos: en Emigración non están a demostrar un coñecemento axeitado do funcionamento e posibilidades da Rede, e están pecando de ineficiencia ao dilapidar fortes sumas de diñeiros público en proxectos sen resultado, ou cando menos que teñen resultados non proporcionais ao investimento que realizan.

O último dato neste sentido veu hai un mes cando vimos que se convocaba un concurso para a xestión do portal GaliciaAberta (poden os lectores interesados atopar moita información sobre o que opino da creación deste portal por parte do goberno do PP e da súa total asunción e continuación por parte dos actuais responsables do PSOE tanto en PlanetaGalego como neste mesmo blog). Desa convocatoria puiden extraer lamentables conclusións:

  • O custo do portal está nos 20.000 euros mensuais.
  • O portal fai uso das tecnoloxías máis caras do mercado (CMS Vignette, Websphere de IBM, bases de datos Oracle, etc.), non sabemos en beneficio de quen, desde logo non dos cidadáns nin das arcas públicas cando hai alternativas de software libre que fornecen resultados equivalentes.
  • Aínda que o portal teña uns contidos oficiais ou gobernamentais, boa parte del replica a estrutura, contidos e servizos da comunidade virtual Fillos.org, cuxa xestión custa menos de 4.600 euros mensuais: o custo total de todo o que fai a Asociación Cultural Fillos de Galicia, que de feito inclúe máis labores cá xestión de Fillos.org, foi no 2006 de 55.000 euros. É dicir menos do 23% do que custa GaliciaAberta.
  • O prazo para presentar ofertas, para un proxecto desa contía e cun prego de especificacións técnicas moi ríxidas, era de 8 días. Algo inaudito e que eu me pregunto se é mesmo legal. Que empresa podería optar a ese concurso en tan breve prazo e cunhas condicións tan pechadas? Calquera podería pensar que se quería que unicamente se puidese presentar a empresa que creou o portal! Que xustificación existe para ter publicado este concurso por vía de tramitación urxente?

Iso vense sumar a outros comporamentos de difícil xustificación por parte dos responsables de Emigración, como a resposta que nos deron cando desde Fillos de Galicia insistimos o ano pasado en coñecer o custo de creación e mantemento de GaliciaAberta: “Iso non é asunto voso”. Seica coñecer canto gasta a Administración, como e en que o gasta non é asunto dos cidadáns! Alabada sexa a trasparencia democrática! :-(

En definitiva, non remato de comprender por que non se deixan asesorar, nin polos que levamos anos traballando nun campo (Internet) que aínda se demostra que é demasiado novo para eles, e que concentramos a maioría do público da nosa emigración nese campo, e tampouco por outros departamentos especializados da Xunta, como os responsables de asuntos da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, como lles chegamos a suxerir nós, desesperados ante a actitude de incomprensión e teimosía que me amosaban a finais do ano pasado nun asunto de marketing online no que tiñan aceptado a nosa colaboración.

18/1/2007

[GL]

Canto vale o que fai a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

Clasificado bajo: De Stultitia in Reti, De Reti Publica, Filli Callæchiæ — admin @ 8:55 pm

O portal GaliciaAberta, que tantas veces critiquei desde dentro e fóra de Fillos.org, vale segundo o tasador automático de dominios activos LeapFish, algo menos de 700 dólares. Isto é moi curioso porque aposto a que aos cidadáns de Galiza lles costou bastante máis, grazas a que o anterior goberno da Xunta contratou non se sabe moi ben a quen, non se sabe moi ben por cánto, para facer cun dos CMSs propietarios (con licencia) máis caros que hai (Vignette) unha mala copia dos webs que Fillos.org viña loitando por construir con software ceibe desde moito atrás, e sen apoio público digno de tal nome. Debería alguén tomar nota do resultado: Fillos.org vale para LeapFish máis de 73.000 dólares.

Quen dixo investir con xeito? Quen dixo eficiencia na xestión pública? Quen dixo tirar os cartos? ;-)

PS: Agora saíron cunha historia dunha Rede Virtual (alguén me pode explicar que carallo é iso?) do Patrimonio dos Centros Galegos. Están a tempo de non caer no mesmo erro. Ímolos estar vixiando, pero preferiríamos que contasen co noso asesoramento, algo doado tendo un chisco máis de trasparencia e un chisco menos da soberbia e ignorante autosuficiencia á que nos ten acostumados o poder.

Next Page »

Powered by WordPress